A Guerra Civil en Galicia

A conspiración para derrocar ao goberno comezou como unha mostra de impotencia. As eleccións de febreiro de 1936 apoiaran amplamente o réxime republicano nas catro provincias galegas, tanto no que respecta á coalición electoral de centroesquerda do Frente Popular que saíra triunfante, particularmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, como nas opcións derrotadas conservadoras e de centro que só tiveran resultados positivos en Ourense e Lugo respectivamente. Os partidos abertamente antirrepublicanos quedaran marxinados polo resultado electoral. Non houbo ningunha “primavera tráxica” en Galicia, xa que os intentos desestabilizadores dos escasos falanxistas existentes foran facilmente cortocircuitados polas autoridades. A primavera foi, ao contrario, unha festa electoral que culminou o 28 de xuño coa votación do Estatuto de Autonomía de Galicia. 

O Golpe foi, para a inmensa maioría da poboación, inesperado e houbo de ser extremadamente violento en Galicia. O poder foi tomado ao asalto por unha minoría de militares conspiradores e unha minoría aínda maior de apoios civís que carecían de representación política efectiva. Tampouco posuían o poder social, económico ou simbólico, polo que o uso das armas convertíase no seu único argumento. A absoluta falta de compromiso cos golpistas dos principais mandos militares da rexión converteu aos cuarteis nun espazo de combate. A legalidade tivo que ser esmagada con extrema violencia, tamén nas rúas. Os centros de poder civil foron bombardeados, como o caso do Goberno Civil da Coruña, as manifestacións populares masacradas, como na Porta de Sol de Vigo ou nas rúas de Ferrol, ou os pobos resistentes de Ribadeo e Tui ocupados por columnas militares fortemente armadas. 

O balance do que veu despois foi inconcibible: asasinadas as máximas autoridades militares, os catro gobernadores civís das provincias galegas, decenas de alcaldes (cinco das sete grandes cidades, 26 doutras de tamaño medio), centos de cargos de representación política e sindical, persoas de relevancia social pola súa profesión como mestres, médicos ou avogados, así como obreiros, mariñeiros e campesiños que foron elevando a cifra ata preto de 5.000 vítimas mortais nos anos da guerra.

A violencia exterminadora e persecutoria en Galicia organizouse de arriba-abaixo, xerarquicamente organizada, pero implantouse de abaixo-arriba, con diversos brazos executores. As autoridades militares sempre foron as que autorizaron e ordenaron unhas prácticas que seguiron dúas vías paralelas e complementarias: a das sentenzas nos miles de procesos castrense abertos e a dos “paseos”. 

A memoria do Golpe e da Guerra en Galicia é unha cuestión moi presente, presente en actos públicos de homenaxes ás vítimas que copan axendas de forma especial desde finais do verán e durante o outono de cada ano. Presente tamén en diferentes lugares de memoria con monólitos, placas e toda unha amálgama de sinalécticas que apelan ao recordo e memoria dos asasinados. Presente nas flores que acompañan as súas tumbas, na terra ou nas rías. Presente especialmente nos discursos, nas voces, que, moitas veces, atenazadas polo relato golpista, senten a necesidade de seguir argumentando ese desconcertante “eles non fixeron nada”. Ao que os historiadores e historiadoras respondemos: “eles non, fixérono os que os mataron”.

AMM