O diñeiro e os espolios
Creator: Ayuntamiento de Lousame
Source:
Archivo Municipal de Lousame, Secretaría-Correspondencia, caja 487
Date Created: 1937-08-05
Extent: 1 item
42.77336, -8.83296
Perante a evidencia do eminente fracaso do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, tanto os militares insurrectos coma os seus principais apoios na que acababa de converterse en retagarda galega, despregaron toda unha batería de medidas mediante as cales se buscaba maximizar a obtención de recursos.
Ditos recursos, fosen doados, recolectados, expropiados ou obtidos mediante coacción e multas, mediante medidas xurídicas creada ad hoc ou sen ellas, tiveron por obxectivo apoiar o esforzo de guerra dos combatentes do exército insurxente e asegurar o control sobre a retagarda. Deste xeito, as devanditas múltiples medidas, algunhas de vida exigua e outras moduladas en función das necesidades e oportunidades que xurdiron ó longo da contenda, funcionaron ademáis coma un mecanismo de control social sobre a poboación.
O caso máis emblemático deste dobre beneficio para o golpismo, probablemente sexa o da onerosa parella do “Día del Plato Único” e “Dia sin Postre”. Se ben a medida que obrigaba a todos os días 1 e 15 de cada mes a comer un único prato de comida para entregar o importe do recaudado ós máis pauperizados foi a primeira do seu estilo, pronto entraría en vigor, paralelamente, o “Día Semanal sin postre”, cuxos beneficios pagarían, supostamente, posto que as arbitrariedades e corrupción estarían amplamente estendidas, o subsidio para o combatente e a comida dos comedores de caridade.
As aportacións en metálico e en especie, ou as limosnas, emblemas e ficha azul do Auxilio Social tamén foron siginificativas e exemplificaron ese efecto de control social. Estando Galicia baixo o poder rebelde, calquera tipo de xenerosa aportación axudaba en certa medida a aliviar as conciencias dos que ansiaban garantías de non ser perseguidos ou represaliados. Tamén existiron aqueles que empregaron as donativos coma ascensor social ou os que o fixeron por mera adscrición ideolóxica.
Por último, tamén foi notable o incautado ou expropiado a individuos ou entidades que entraban no amplo abano de “afectos al Frente Popular”. Locais de reunión, imprentas, centros sindicais ou incluso xornais republicanos foron incautados, con ou sen amparo legal, e posteriormente subastados ou apropiados por forzas afíns ó golpe, coma Falanxe. A incautación do diario vigués El Pueblo Gallego, propiedade de Manuel Portela Valladares e que se converteu en voceiro falanxista pasou a simbolizar en cada unha das súas páxinas a nova orde de cousas.
GUPC/MCV