Nomes e Voces
Source:
nomesevoces.net
Date Created: 2024
Extent: 1 item
42.88042, -8.54586
O proxecto “Nomes e Voces” (2006-2012) foi pioneiro en recoller de forma sistemática e cunha depurada metodoloxía histórica, as vítimas da violencia e persecucións iniciadas en Galicia a partir do 20 de xullo de 1936, nunha extensa e aberta base de datos. Actualmente tamén alberga na súa web, os resultados das actuacións do Plan de Memoria Democrática, promovido pola Secretaria de Estado de Memoria Democrática, e desenvolvido en Galicia pola Xunta. Segundo a Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática, entre outras cuestións, o Estado asume a responsabilidade nos procesos de exhumacións e regula os lugares de memoria democrática, entendidos cunha función conmemorativa e didáctica.
Nesta liña, o equipo multidisciplinar coordinado polo Grupo Histagra, conformado por investigadores e investigadoras en Historia contemporánea e Arqueoloxía do CISPAC e do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela, e expertos e expertas en Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), traballa desde 2021 para buscar, atopar, exhumar e identificar restos das vítimas da violencia golpista de 1936. Tamén para dotar os espazos e contornas das fosas do recoñecemento e a entidade acorde cos valores democráticos e os Dereitos Humanos.
Este espazo virtual é unha plataforma, enriquecida día a día, que pon ao dispor da cidadanía, tanto a base de datos das vítimas en Galicia (1936-1939), con máis de 13.000 entradas, como os informes e memorias das campañas de exhumación e máis de 90 fichas das fosas rexistradas.
LFP/CLS