A reacción da cidadanía diante do golpe de Estado
Creator: Blanco, Foto
Source:
Arquivo da Deputación de A Coruña, sig. F8-5 273
Date Created: 1936-07-20
Type: Photograph
Extent: 1 item
43.37097, -8.39594
A imaxe correspóndese ao interior do Goberno Civil da Coruña, esnaquizado tras o bombardeo ao que foi sometido o día 20 de xullo de 1936 por parte dos militares golpistas. Por si soa, esta fotografía desmonta o relato de que o asalto ao poder en Galicia foi incruento e que non houbo gran resistencia ao Golpe. Desde que chegaron as primeiras noticias de que se produciu unha insurrección armada en África o mesmo día 17 de xullo pola tarde, en todas as principais cidades e cabeceiras comarcais de Galicia fóronse concentrando grupos de persoas para acompañar aos dirixentes políticos e sindicais que estaban nos concellos ou gobernos civís reunidos.
Os dirixentes políticos que se posicionaron inmediatamente en contra do Golpe sempre estiveron arroupados nas rúas pola cidadanía. Nada pola contra ocorreu cos golpistas. En Vigo, foron apupados pola multitude os militares durante a lectura do bando de Guerra, o que provocou unha matanza contra os que protestaban, con 27 vítimas mortais. Na Coruña, levantáronse barricadas repletas de civís e gardas de asalta para protexer o Goberno Civil e os militares utilizaron canóns para acabar coa resistencia. En Santiago, a praza do Obradoiro estivo chea de persoas que saíron a defender ao goberno constituído. Estas escenas repetíronse obrigando aos militares golpistas a utilizar a forza para esmagar as barricadas. O rastro nas rúas foi o que deixaron as desfeitas e as vítimas dos enfrontamentos (algo máis de 100 entre os días 20 e 22 de xullo).
AMM