Actos de masas e escenografía do poder golpista
A rápida caída do territorio galego baixo dominio dos rebeldes supuxo a constitución da Galicia de retagarda como un dos potenciais escenarios para o ensaio de diversas fórmulas propagandísticas. O seu obxectivo primordial era, mediante diversos mecanismos de coacción e coerción, facer patentes a adhesión e harmonización da sociedade baixo as directrices e valores que o Novo Estado debía representar.
Neste aspecto, os militares rebeldes delegaron boa parte do aspecto propagandístico na Falanxe, aínda que en conivencia e coordinación coas distintas autoridades designadas para ocupar cargos civís de relevancia e a bendición da igrexa católica. A Nova España, en contraposición á loita de clases que propugnaba o marxismo e que, segundo o relato golpista imperaba nas zonas leais á República, debía agora dar mostras de harmoniosa cohesión e rigorosa verticalidade.
O aparato e o histrionismo propio dun fascismo de características españolas convertéronse en expresións frecuentes durante a contenda. As particulares características do territorio galego fixeron que a maioría de actos fosen organizados por alcaldes e xefes locais de FET e JONS en pequenos municipios rurais nos que a dimensión do enclave permitía un control máis férreo da asistencia nun contexto no que o medo e a sospeita de estar permanentemente vixiado convertéronse no pan de cada día.
Impúxose un novo calendario de “fitos nacionais” nos que este tipo de exaltacións establecéronse como norma. O 18 de xullo, o Día del Caudillo (1 de outubro), o Día de la Raza (12 de outubro) ou a Festa da Unificación (19 de abril) foron as máis significativas. Precisamente a esta última pertence a fotografía que acompaña, na que, arengados desde a sede do poder civil, Pazo de Raxoi, polo xefe provincial do Movemento e o alcalde de Santiago de Compostela, 15000 supostos adeptos forman na actual Praza do Obradoiro.
GUPC/MCV