A Resistencia
Source:
Arquivo Militar da Coruña, Mosquetón Mauser Mod. 1916, Fábrica de Armas de Oviedo, incautado a “Foucellas”, nº inv. MTC/671
Extent: 1 item
43.37097, -8.39594
A imaxe do Mosquetón Mauser do coruñés Benigno Andrade, alcumado “Foucellas” simboliza a resistencia activa e armada por parte da poboación galega ao Golpe, a guerra e a ditadura franquista. A arma xa exhibida no propio xuízo contra Benigno en 1952 polas autoridades militares pasou a formar parte do Museo Histórico Militar da Coruña cun obxectivo que non ía máis aló de funcionar como trofeo de guerra. No ano 2016, as institucións públicas levan a cabo un proxecto que parte da patrimonialización dos obxectos da guerrilla co propósito de quebrar co relato hexemónico dos vencedores do conflito civil a través dunha exposición itinerante na que se conta a historia do país a través de cen obxectos, sendo este arma o número 79 da mesma.
O estudo desta Resistencia estivo centrado polos estudos en torno á guerrilla, cuestión fundamental para comprender o propio devir da guerra civil e da posterior ditadura, sendo un factor clave para o coñecemento das transformacións sociais e políticas do rural dos anos 40. Os perseguidos que optaron polo refuxio no monte, foron organizándose en pequenos grupos cada vez máis numerosos a causa das desercións. Dende o ano 1938 podemos constatar a presenza na zona de Casaio-Carballeda de Valdeorras de asentamentos estables motivados polas súas conviccións, encaixando a súa actitude na de resistentes. A súa procedencia maioritaria de vilas mariñeiras ou labregas permite chegar a entender o nivel de rexeitamento do golpe que existía en amplos sectores da sociedade galega do momento.
Tanto a presenza de fuxidos coma o asalto a cuarteis e casas reitorais, as insurreccións locais ou os enfrontamentos coas autoridades son reflexo dunha sociedade dinámica, acostumada á participación política xurdida e desenvolta coa progresiva implantación da democracia, sendo de capital importancia o papel das mulleres, materializado na violencia exercida contra a súa figura por parte do bando sublevado e non concedéndolles esta consideración. Esta realidade pretende ser desfigurada a través da negativa de outorgarlles o cualificativo de resistentes ou combatentes, denigrando a súa actividade a seren “putas dos vermellos”. Eliseo Fernández e Dionisio Pereira destacan o caso de María Teresa Domínguez Prada mal chamada “Bruja de Espiño” que, contra 1937 marcha ao monte coas súas tres fillas para formar parte dun grupo composto por veciños de Corzos-Xares. Un ano despois, estas mulleres foron sometidas a xuízo sendo consideradas simplemente as “queridas” dos guerrilleiros.
AGF