Vida cotiá e normalidade nos anos da II República
O verán de 1936 comezou en Galicia co final da campaña polo plebiscito do Estatuto de Autonomía. Estivo infestada de mitins, actos e propaganda na que participaron os mellores e máis coñecidos artistas e intelectuais do momento. Foi máis que un proceso político e tivo que ver cun desexo colectivo de alcanzar un recoñecemento pleno identitario. Os días seguintes á votación foron as dúas semanas anteriores ao golpe de Estado do 17 de xullo. Nelas, sucedéronse as festas e celebracións que marcan o inicio do verán, que non se viron interrompidas pola dinámica política que viña desenvolvéndose en Madrid. Non era inconsciencia, senón todo o contrario, absoluta normalidade.
O cartel das festas do Apóstolo do recoñecido creador radicado en Compostela, Camilo Díaz Baliño, resume ben aquel momento. Recolle cos motivos propios da festa, a Catedral de Santiago de fondo á que alegran tocando o vello gaiteiro e o mozo tamborileiro. Pero tamén inclúe o xogo de bandeiras ondeantes que dan testemuño do que se conseguiu co Estatuto ao axuntar as aspiracións de recoñecemento autonomista e o fortalecemento do sentimento republicano.
A historia do cartel reflicte o inesperado e brutal do golpe que veu despois. O artista que o creaba foi asasinado no mes de agosto, sendo un dos primeiros en sufrir ese destino en Santiago de Compostela. O seu fillo, o que sería tamén gran creador, intelectual e artista galego Isaac Díaz Pardo, naquel entón novo militante das Mocidades Socialistas Unificadas, tivo que fuxir cos seus dezaseis anos recentemente cumpridos para salvar a súa vida. O cartel, pola súa banda, desposuído do recoñecemento da súa autoría e amputado das bandeiras democráticas de Galicia e España, foi recuperado para o seu uso novamente como cartel das festas de Santiago en 1950.
AMM