Os “paseos”
Source:
Terra e Memoria, fondo Nomes e Voces-Histagra (Villaverde Otero), nº 2185 083 0001
Date Created: 1936-09-25
Extent: 1 item
43.30459, -8.50827
A imaxe que aquí se mostra corresponde coa fosa na que foi enterrado o cadáver do líder anarcosindicalista galego, José Villaverde Velo. Esta localízase no exterior do cemiterio de Oseiro, dentro do municipio coruñés de Arteixo. José Velo foi asasinado fóra os mecanismos de aplicación da pena de morte, o día 25 de setembro de 1936. Esta práctica denominouse popularmente co termo “paseo”.
A violencia implantada tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tiña un obxectivo claro e explícito: a toma do poder. Para iso era necesario eliminar ás persoas que manexaban ese poder, nalgúns casos, mediante penas de prisión ou multas, noutros, mediante o asasinato.
Os asasinatos perpetráronse en base a dous mecanismos básicos que coexistiron desde os primeiros momentos. O primeiro deles foron as execucións de persoas que eran sentenciadas a morte por tribunais militares creados polos sublevados, co obxectivo de dar unha pátina de licitude ás súas actuacións ilegais.
A segunda vía para a eliminación física de persoas, tras o Golpe, foron os asasinatos perpetrados fóra dos mecanismos de aplicación da pena capital. Nas prácticas que incluímos dentro desta categoría perderon a vida a maioría das vítimas mortais do Golpe. Tradicionalmente, calculouse que dous terzos dos asasinatos perpetrados por mor da sublevación leváronse a cabo fóra dos mecanismos de aplicación da pena capital.
Estes asasinatos, á súa vez, leváronse a cabo de dúas formas distintas. Por unha banda, a través de sacas, de asasinatos sen sentenza de persoas que se atopaban previamente recluídas en cárceres máis ou menos improvisados tras o Golpe. Doutra banda, están os asasinatos perpetrados no contexto de detencións (reais ou teóricas). Sexa como fose, é importante destacar que as execucións, as sacas e as detencións foron formas de violencia controladas polas autoridades militares golpistas, que foron sempre as responsables últimas da súa organización e xustificación.
XBA