Monumento ás vítimas no Campo da Rata
Creator: Díaz Pardo, Isaac
Source:
Fondo HISTAGRA
Date Created: 2001-04
Extent: 1 item
43.37097, -8.39594
O lugar coñecido como Campo da Rata, está localizado na cidade da Coruña, capital da VIII División Militar e sede dos principais poderes administrativos, civís e xudiciais da provincia, en 1936. Tras o golpe de Estado perpetrado o día 20 de xullo, aqueles campos de beiramar convertéronse nun espazo de matanzas, onde os golpistas executaron e “pasearon” por centos de persoas. E non poucas veces converteron aqueles actos de barbarie en macabro espectáculo público.
A finais dos anos 1990, o concello da Coruña, en colaboración co Ateneo Republicano de Galicia e a Asociación de Veciños de Atochas-Monte Alto, desenvolveron un proxecto para construír un monumento en memoria ás vítimas alí asasinadas. Precisamente, a súa localización coincide coa vella caseta militar, da que os seus muros foran utilizados como paredón de fusilamento. O deseñador do monumento foi Isaac Díaz Pardo, fundador de Sargadelos e fillo do artista Camilo Díaz Baliño, “paseado” a mediados de agosto de 1936. Nos dinteis do grupo monumental, aparecen como lendas dous poemas, un de Federico García Lorca e outro de Uxío Carre Alvarellos, xunto cunha fotografía do fusilamento do 23 de outubro de 1936, realizada clandestinamente polo fotógrafo e pintor Benito Prieto Coussent.
Inaugurado en 2001, no 70º aniversario da II República, o propio artista relatou o sentido da súa creación: Cando van alá 65 anos, con humildade franciscana, sen intención de recordar para molestar, estase armando con pedras tal e como sairon da canteira, mordidas polos barrenos, unha especie de restos dun derruido cromlech (que poden significar os restos dun derrubado ideal que tivemos) para recordar que neses campos, a carón da Torre de Hércules, se inmolaron moitos homes que non tiñan máis delicto que non pensar o mesmo que os seus inmoladores (La Voz de Galicia, 9 de abril de 2001)
LFP/CLS