Os espazos de reclusión durante a guerra
Source:
Arquivo Histórico Universitario de Santiago, fondo municipal, Redención de Penas/Cárcere de corrección pública/Menores (1942-1963)
Date Created: 1936, 1939
Extent: 1 item
42.88042, -8.54586
Unha vez que o golpe de Estado triunfou en Galicia, as autoridades sublevadas empregaron diferentes espazos no territorio como lugares de reclusión. Esta situación, na que o número de detencións non paraba de medrar, fixo que se habilitaran espazos excepcionais para albergar presos, empregándose como prisións sitios como antigos cuarteis, mosteiros, castelos, prazas de touros, etc. Do mesmo xeito, comezouse a crear unha rede de campos de concentración que actuaba como parte do sistema penal golpista, no que se aloxaron moitos dos presos que chegaban dende as frontes de guerra.
A vida nas prisións non era sinxela. Na fotografía podemos observar o estado da prisión municipal de Santiago de Compostela, coñecida como a Falcona, pendente de reforma dende o período republicano, e exemplo dun espazo no que se aloxaron inxentes cantidades de presos sen reunir as condicións necesarias para tal fin. Aqueles edificios habilitados como prisións excepcionais sometéronse a unha reforma mínima para a acollida de reclusos, en ocasións empregando man de obra presa. No que se refire aos campos, os espazos escollidos presentaban, con frecuencia, unhas condicións de habitabilidade e hixiene infrahumanas. O persoal de prisións variou: algunhas direccións foron renovadas polos golpistas, mentres que se mantiveron moitos traballadores; tampouco faltaron militares e combatentes reubicados.
As condicións dos presos podían variar. Foron moitos aos que sacaron de alí para ser paseados. Gran parte dos detidos atopábanse pendentes de ser xulgados nun xuízo sumarísimo ou de que se resolvera un expediente. Outros pasaron moito tempo na cadea esperando a que se definira a súa condición como convicto, sen ter un proceso aberto. Aqueles sobre os que xa ditara sentencia un consello de guerra cumplían condenas de longa duración. Os prisioneiros dos campos, pola súa banda, podían pasar por eles para ser reubicados ou para permanecer alí durante un tempo.
No que se refire ás mulleres, foron habilitadas prisións específicas, pero tamén chegaron a compartir o mesmo espazo cos homes, como no caso de Isabel Ríos, presa en Santiago. Nas súas memorias recorda que as mulleres que pasaban por alí eran aloxadas na mesma cela que os condenados a morte, sempre que o número destes non fixera necesario botar man dese espazo.
Algúns presos realizaron traballos dentro das prisións, nalgunhas ocasións de apoio ao persoal do recinto e segundo as necesidades deste, e noutras en relación ao seu propio oficio. Estes tiveron a oportunidade de participar no programa de redención de penas por traballo. Nalgúns campos tamén se empregou man de obra forzada, pero para traballos moito máis duros e fisicamente esixentes, agravando, aínda máis, a condicións dos presos.
RGF