Lugares da memoria oculta dos verdugos
Creator: Palacios, Antonio
Source:
Fondo HISTAGRA, Jacobo Bujarín
Date Created: 1909
Extent: 1 item
42.88042, -8.54586
Na Alameda de Santiago de Compostela, consérvase unha soa das edificacións construídas para a Gran Exposición Regional Gallega, de 1909: a que constituíu o Pavillón de Recreo Artístico e Industrial, unha obra modernista de Antonio Palacios, ideada como un espazo de lecer con café, restaurante e salón de baile. Co paso do tempo, cambiou de usos e funcións, acollendo ao laboratorio municipal, ao primeiro cinematógrafo da cidade, a unha cafetería e, despois de xullo de 1936 ao cuartel de Falange compostelá.
Si, o que na actualidade, e desde os anos 1970, é a escola infantil de Santa Susana albergou no seu interior, a sede da organización política máis identificada coa violencia golpista, perseguindo, detendo, torturando e asasinando a moitos cidadáns e aos representantes dos poderes lexítimos locais. A construción foi reformada en varias ocasións, a última delas no ano 2018 tratando de recuperar elementos do edificio orixinal sen perturbar o seu uso actual. Con todo, non se incorporou aínda ningún elemento material na edificación que favoreza unha didáctica democrática dos seus usos vinculados ao pasado incómodo.
Significativamente está localizado a escasos metros das “Marías”, o grupo escultórico máis icónico, visitado e fotografado de Compostela que representa ás irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart. Moi coñecidas e populares entre os anos cincuenta e setenta, polos seus paseos, sempre ás dúas en punto, as súas maquillaxes e coloridas vestimentas nun contexto onde todo o que se saíse baixo a “norma”, era considerado “estrafalario” e provocativo. Aquelas costureiras sufriron repetidamente a persecución e a violencia de golpistas e falanxistas; dos seus tres irmáns, dirixentes anarcosindicalistas, un deles logrou escapar por barco e exiliarse e os outros dous, fuxidos primeiro, encarcerados despois durante anos. Sempre perseguidos, torturados e vexados como as súas irmás. Pero nada, salvo o recordo que se vai e a historia que se escribe, une aínda na Alameda compostelá o espazo de persecución e tortura dos verdugos coas esculturas de ambas irmás.
LFP/CLS