Mobilización do exército sublevado
Creator: Leira Castiñeira, Francisco J.
Source:
Francisco J. Leira Castiñeira, Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, Madrid: Siglo XXI España, 2020, pág. 30
Date Created: 2020
Extent: 1 item
Como se pode observar no gráfico, Galicia converteuse, desde o inicio do golpe de Estado, nun lugar onde os sublevados perpetraron unha violencia brutal. Co decreto de mobilización do 8 de agosto de 1936, Galicia tamén se transformou nun centro de recrutamento de homes destinados principalmente á fronte de Asturias e que durou ata 1939. A rapidez na creación dun exército regular converteuse nunha prioridade para gañar a guerra o máis rápido posible. Con todo, este proceso tamén serviu como un mecanismo de control social sobre a sociedade, especialmente, os recrutas, que proviñan de diversos contextos sociais, políticos e culturais.
Na gráfica, percíbese unha relación entre algunhas matanzas perpetradas en Galicia e os decretos de mobilización. Obsérvase que, en momentos bélicos clave, como a toma de Xixón, o inicio da ofensiva en Aragón e a conquista de Cataluña, hai picos de mortes, pero tamén, un aumento de consellos xudiciais militares. Esta correlación existe tamén entre os xuízos abertos e a mobilización, o que afianza a idea de que o recrutamento forzoso, ademais de necesario para gañar a guerra, foi aproveitado como un mecanismo de control social. Era unha forma de asegurar que a mobilización carecese de oposición, como ocorreu cos dous primeiros decretos. Así, garantíase o correcto funcionamento do organismo militar.
Desde Galicia mobilizáronse miles de homes que, obrigados baixo pena segundo o Código de Xustiza Militar, foron enviados a morrer e a matar nun conflito que non provocaran. O alistamento realizouse mediante a lei vixente durante a Segunda República e foi igual no bando republicano. O Código de Xustiza Militar aplicouse debido a que se aprobou o Estado de Guerra, o que xerou unha militarización de fábricas, da orde pública e da xustiza. Estivo vixente ata o 7 de xaneiro de 1939, foi crucial para o control social e a vitoria dos insurrectos. Foron mobilizados un total de catorce substitucións, do 1928 ao do 1941, é dicir individuos que, ao comezo do conflito, xullo de 1936, tiña entre 30 e 16 anos.
Cabe mencionar que, se unha persoa era declarada prófuga, sería substituída por un irmán e a súa familia sería perseguida. Ademais da motivación política na represión, nalgúns casos, puido influír a actitude dalgúns chamados a filas que non se presentaron e decidiron atacar aos seus familiares, a maioría das veces cun pasado político en agrupacións de esquerda.
FLC