Os verdugos
Source:
Terra e Memoria, fondo Nomes e Voces-Histagra (Nores Soliño), nº 5051 0102 0001
Date Created: 1936, 1939
Extent: 1 item
42.26472, -8.77965
A violencia articulouse a través de dous tipos fundamentais de prácticas que en Galicia conviviron desde os primeiros días inmediatos ao golpe de Estado. Por unha banda, incoáronse centos de procesos militares auspiciados polos auditores da rexión militar, que encausaron a miles de persoas (máis de 15.000 no período 1936-1939).
O proceso implicaba un número variable de persoas que actuaban como parte da maquinaria xurídico-militar, dos cales apenas tiñan formación xurídica os auditores e fiscais militares. Nas súas mans descansaba a cualificación penal dos sucesos e, en definitiva, o destino dos procesados. O caso de Galicia funcionou, así como outros territorios de “retagarda” de primeira hora, como un laboratorio deste tipo de procedementos. Como consecuencia das sentenzas a pena de morte, foron executadas por esta vía preto de 1500 persoas ata 1939. Os fusilamentos realizáronse xeralmente por pelotóns conformados por forzas de seguridade, gardas civís, gardas de asalto e militares. Neste último caso, íanse compoñendo por aqueles que ían sendo chamados nas sucesivas substitucións.
Os procesos serviron para amparar a outra violencia que tivo lugar, a dos “paseos”, que era interesadamente presentada como anónima e incontrolada fronte á “xustiza” militar. Más de 3.200 persoas foron asasinadas por esta vía neste período. A fotografía correspóndese a un grupo falanxista de Cangas diante do seu local e cun automóbil que servía para levar detidos, trasladalos e, no seu caso, darlles o “paseo”. Os asasinatos por esta vía, sen sentenza, foron executados polas chamadas milicias de “segunda liña”, grupos como o da foto conformados por falanxistas, japistas e, frecuentemente, coa presenza de gardas civís ou membros da forza armada. A súa actividade máis intensa desenvolveuse no período comprendido entre agosto e decembro de 1936, aínda que seguiron actuando nos meses sucesivos e ata o final da guerra.
A diferenza dos procesos militares, a pegada documental destas prácticas é moi escasa e só a memoria preservou o nome dos principais perpetradores dun esquecemento buscado. Existen testemuños orais que se gardan no fondo de entrevistas de Nomes e Voces que testemuñan o ostracismo social ao que foron sometidos pola comunidade algúns dos principais perpetradores deste tipo de violencias, sobre os que caeu o estigma da “mala morte” (o feito de morrer en circunstancias penosas ou no absoluto esquecemento) como unha especie de castigo simbólico polas súas accións.
AMM