Burguesía republicana: o poder
Source:
Terra e Memoria, fondo Nomes e Voces-Histagra (Martínez Pérez), nº 22260018 0001
Date Created: 1936
Type: Photograph
Extent: 1 item
Nesta foto retratáronse Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo -no centro, con lentes- acompañado dun grupo de civís e militares nunha visita institucional ao cemiterio de Pereiró, en Vigo. Entre os fotografados, atópase o capitán de infantería Antonio Carreró Berges -á dereita do alcalde, con sabre- quen só uns meses despois da foto sería responsable de ordenar o fusilamento do propio Martínez Garrido con oito compañeiros máis da Corporación Local nesas mesmas tapias do cemiterio de Pereiró. A fotografía mostra a propia disposición do poder no tempo anterior ao golpe e dá conta do significado profundo que tivo a violencia despregada para a súa execución. Representa a preeminencia a burguesía republicana, da que Emilio Martínez Garrido, industrial e político socialista é un bo representante, e os motivos de fondo da necesidade dos militares golpistas de converter aos poderosos en delincuentes para lexitimar a súa actuación facciosa.
Desde finais do século XIX e ao longo do primeiro terzo do século XX, en todas as cidades e pobos de tamaño medio de Galicia, foi medrando unha nova clase burguesa á calor dos cambios económicos e sociais do momento. O desenvolvemento de novas industrias, o crecemento do sector servizos e as profesións liberais fixeron valer unha nova clase que se identificaba maioritariamente coas ideas progresistas, liberais e republicanas. Esta burguesía participou na conformación dos grandes movementos sociais e políticos do período, como o agrarismo ou o movemento obreiro, ademais de nutrir as filas do republicanismo e o galeguismo. O seu preeminencia explica, por exemplo, o triunfo obtido pola candidatura republicana nas eleccións locais de 1931 nos principais núcleos urbanos e semi-urbanos de Galicia.
Posicionados en diferentes partidos dentro do amplo rango do espectro republicano, mantiveron en común o seu rexeitamento ao militarismo e o apoio ás opcións reformistas e pactistas a esquerda e dereita. Moitos dos deputados, concelleiros e alcaldes do período republicano pertenceron a este grupo que acumulaba así un gran capital de poder político e social. Por todas estas razóns, foron un obxectivo singular dos golpistas e sufriron a violencia dun modo moi intenso, conformando unha parte substancial das vítimas do golpe de 1936 en Galicia.
AMM