Convivencia Política Antes do Golpe
Source:
El Compostelano
Date Created: 1935-03-07
Type: Newspapers
Extent: 1 item
42.88042, -8.54586
Os anos republicanos foron intensos nas mobilizacións políticas e sociais. O ámbito institucional de representación democrática alargouse, facendo posible que sectores obreiros e campesiños accedesen a postos de responsabilidade que antes lles foron negados. Isto facilitou a lexitimación do novo réxime republicano entre as clases populares e levou a que a disputa política tivese unha tradución electoral democrática.
A dereita comprendeu pronto o novo contexto e creou ao longo de 1932 o primeiro partido de masas conservador da historia de Galicia: a Unión Regional de Derechas, o que contribuíu a que moitos sectores dereitistas integrásense na dinámica electoral e, ademais, con éxito. Así mesmo, o nacionalismo galego dotouse en 1931 dunha organización de masas, o Partido Galeguista. Os republicanos de esquerda e o PSOE fixeron valer a súa experiencia electoral previa para consolidar as súas candidaturas nun contexto altamente competitivo, no que o agrarismo seguía sendo o principal movemento de masas de Galicia.
Con todo, houbo moitos ámbitos de confrontación e protesta: folgas moi longas como a pesqueira de Vigo de 1932, así como intentos insurreccionais como o anarquista en decembro de 1933. Tampouco a folga xeral de outubro de 1934 tivo opcións reais de triunfo. A folga xeral convocada polas centrais obreiras desenvolveuse seguindo as pautas deste tipo de mobilizacións, como un ritual ben coñecido despois de décadas de experiencia. As consecuencias foron semellantes ás da folga de 1917, das que os militantes máis veteranos tiñan memoria: os centros sindicais clausurados, publicacións de orientación obreirista pechadas e dirixentes recoñecidos que pasaron varias semanas entre reixas. O efecto foi, sobre todo político, pois implicou a renovación dos gobernos municipais para poñelos en sintonía coa nova maioría de centro-dereita radical-cedista.
En termos xerais, a aliñación política non foi óbice para que existisen tamén amplos espazos de convivencia. Ademais dos lugares de sociabilidade informal, clubs deportivos ou sociedades recreativas, diversas organizacións tiveron un claro sinal pluralista, como foi o caso emblemático do Seminario de Estudos Galegos. Existiron proxectos transversais que uniron tamén a personalidades de sensibilidades políticas ben distintas, como foi o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, protestas como a do ferrocarril de 1932 ou o caso da petición de conmutación das penas de morte dos sentenciados por outubro de 1934 de centos de intelectuais e profesores da Universidade de Santiago que se representa na imaxe. Os asinantes apoiaron opcións electorais distintas en febreiro de 1936, pero moitos deles aínda terían a ocasión de volver unirse na campaña do Estatuto de Autonomía de xuño dese mesmo ano.
AMM