Os militares golpistas e a execución do golpe de Estado
Source:
Galiciana Hemeroteca, Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña
Date Created: 1938-07-28
Type: Newspaper
Extent: 1 item
43.37097, -8.39594
O Golpe do 18 de xullo de 1936 foi un acto violento protagonizado e executado por un reducido grupo da cúpula militar que actuou seguindo unha estrutura, forma e lóxica típica do mundo castrense. O seu obxectivo foi tomar o poder que estaba en mans do goberno democrático da II República, polo que se inicia a partir do golpe das armas enriba das mesas dos despachos das autoridades civís e militares republicanas. Posteriormente, a violencia foi dirixida cara a o resto da sociedade coa finalidade de sometela e facela partícipe da/na sublevación mediante diferentes estratexias de persecución e aniquilación.
Os golpistas empregaron o bando de guerra como un mecanismo para inserir o Golpe nun marco de falsa aparencia legal, tomar o poder, eliminar as garantías individuais establecidas na Constitución de 1931 e supeditar as forzas armadas, a xustiza común, a orde pública e o poder civil ao poder militar sublevado. Seguindo esta estratexia, a organización do territorio seguiu a liña castrense, agrupando os espazos ao redor de prazas e comandancias militares, ás que os poderes civís quedaron supeditados.
A dinámica de conquista do territorio funcionou, por tanto, a partir das grandes cidades, onde gornecían as principais forzas militares. De forma concreta, en Galicia, as actuacións nas capitais da VIII División, A Coruña, e do Departamento Marítimo do Norte, Ferrol, foron clave para desenvolvemento dos acontecementos. As máximas autoridades do poder militar republicano sufriron un destino común a mans dous golpistas, todos eles foron asasinados. O xeneral Enrique Salcedo Molinuevo, xefe da VIII División, e o xeneral Rogelio Caridad Pita, xefe da 15ª Brigada de Infantaría e gobernador militar dá Coruña, foron detidos durante o Golpe, procesados, acusados de traizón, condenados a pena de morte e executados, a comezos de novembro de 1936. O contraalmirante da Armada, Antonio Azarola Gresillón, xefe do Arsenal de Ferrol e ex-ministro de Mariña, foi acusado de “rebelión” por un tribunal militar, condenado a pena de morte e executado, a principios de agosto de 1936.
Se consideramos o Golpe como o acto concreto da toma de poder, en Galicia sucede en moi poucos días. Con todo, tras este breve período de tempo, os golpistas utilizaron, ata ben entrado o outono de 1936, un amplo repertorio de fórmulas propias da estratexia bélico-militar. É por isto que adoitamos falar dun Golpe continuado non tempo no que as forzas de Orde Pública prestaron servizos “propios das circunstancias”, as novas corporacións municipais funcionaron de xeito provisional e inestable, os “paseos” e a xustiza castrense chega aos picos de máxima intensidade e constitúense as primeiras milicias locais armadas.
CLS