Modernidade
Source:
Terra e Memoria, fondo Nomes e Voces-Histagra (Villaverde Otero), nº 2185 0014 0001
Date Created: 1935, 1936
Type: Photograph
Extent: 1 item
43.36867, -8.41449
A imaxe do grupo de mulleres e homes na praia de Riazor, A Coruña, reflicte o modo en que diversos cambios sociais e culturais estaban a operar na Galicia do primeiro terzo do século XX. O anarcosindicalismo conformaba unha parte substancial do movemento obreiro no que aniñaban ideas de igualdade e revolución social. Xunto co republicanismo patrocinaron iniciativas de extensión cultural baixo as que se desenvolveron novas ideas sobre as relacións sociais, de xénero, sexuais ou de alimentación e hixiene. A Coruña foi un centro destes proxectos progresistas a nivel galego e estatal. Non foron unha innovación da etapa republicana, senón que levaban décadas arraigando en diversos ambientes non só urbanos, senón tamén do medio rural.
A modernidade reflectiuse nas innovacións tecnolóxicas e materiais que se xeneralizaron; por exemplo, na introdución do automóbil (os primeiros chegaron ás cidades da Coruña, Vigo e Lugo en 1898), o teléfono (que xa chegara antes, en 1882 a Vigo), a radio (Radio Galicia comezou as súas emisións en Santiago de Compostela en 1932) ou a maquinaria agrícola (que non deixou de estenderse desde a década de 1920). Os anos vinte e os anos trinta foron un período dunha gran transformación socioeconómica en Galicia, que se viu abruptamente interrompida polo Golpe, a guerra e a instauración da Ditadura.
Pero a modernidade sobre todo reflectiuse nos cambios sociais: como a maior presenza das mulleres na educación superior e na vida pública en xeral, o acceso das clases traballadoras a postos de responsabilidade política como concelleiros, alcaldes ou deputados ou a indubidable proxección das novas clases medias urbanas. O republicanismo a esquerda e dereita, o obreirismo, o agrarismo e o galeguismo nutríronse destes cambios nun ambiente de crecente pluralismo. A foto tomada en 1931 reflicte un tempo novo que foi vítima do golpe de Estado e da guerra.
AMM