A Igrexa
Source:
Terra e Memoria, fondo Nomes e Voces-Histagra (Quiñoy Pandelo), nº 5042 0002 0001
Date Created: 1936, 1939
Type: Photograph
Extent: 1 item
A Igrexa galega xogou un papel fundamental na lexitimación do golpe de Estado, aportando matices propios ó discurso da Cruzada. A voz cantante levouna o arcebispo de Santiago Tomás Muñiz de Pablos, que mesmo conseguíu de Pío XI unha inusual prórroga do Ano Santo de 1937. O aliñamento da Igrexa cos golpistas xustificouse mediante a demonización do quinquenio republicano, malia que en Galicia as manifestacións de violencia anticlerical foran pouco significativas.
O contexto bélico impulsou unha ortodoxia belixerante contra calquera ameaza percibida ou real (masonería, as comunidades evanxélicas dalgunhas poboacións costeiras) pero tamén contra os sectores aperturistas e máis proclives ó entendemento co réxime republicano, incluído o que expresara máis abertamente as súas simpatías cara ó galeguismo ou os máis involucrados en iniciativas culturais como o Seminario de Estudios Galegos ou a revista Logos. A máxima expresión de intolerancia foi o asasinato dalgúns cregos de ideas esquerdistas, como Matías Usero Torrente (dirixente do PSOE e de Izquierda Republicana en Ferrol) ou o párroco da diócese de Lugo Andrés Ares Díaz (levado ata Fene e fusilado alí). De entre os xa secularizados sobresae Fernando Arias Rodríguez, antigo oficial de cámara do bispo de Lugo e presidente do PSOE en Rábade (Lugo) en 1931.
A identificación con o bando franquista selouse a través de innumerables actos rituais reproducidos a diferente escala en cada poboación, dende os Te-Deum de agradecemento polas victorias militares ós funerais polos caídos por Dios y por España, pasando pola inmortalización dos falecidos no bando nacional nas fachadas das igrexas parroquiais ou a benzón das bandeiras das unidades combatentes. A recuperación do poder de control social como institución quedou plasmada na emisión dos certificados de boa conducta por parte dos sacerdotes, que podía significar literamente a diferenza entre a vida e a morte para os seus fregueses, ou a reposición solemne dos crucifixos nas escolas.
A guerra forxou un discurso tradicionalista en clave nacional-católica e puxo os alicerces para a colaboración nas seguintes décadas co réximen franquista. As pugnas ó redor das organizacións xuvenís ou femininas cos sectores falanxistas anunciaron as tensións nos anos de posguerra pola consolidación de esferas de poder e a oposición ás tendencias propiamente fascistas dentro dun réxime ainda en fase de definición.
GUPC/MCV