Sitios de Memoria das Vítimas
Source:
O Faiado da Memoria, Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro (cedida pola familia de Generoso Valverde)
Date Created: 1950
Extent: 1 item
42.1183, -8.85521
Desde a volta dos nove nove cruces
asubían o crime coma tiros
no chan, no foxo, magmas de memoria
(Gonzalo Navaza, 2007)
O debuxo de nove trazos verticais atravesados por unha única liña horizontal converteuse nun dos símbolos máis indelebles da construción da memoria das vítimas no sur de Galicia, entendida mesmo como un reclamo da tanxibilidade da morte, un trazo contra o esquecemento e un feito de resistencia simbólica durante toda a Ditadura. O 15 de outubro de 1936, nove homes foron “paseados” en Baiona (Val Miñor), na curva de Baredo, estrada de Pontevedra a Camposancos (onde se localiza uns dos maiores campos de concentración en Galicia, activo ata 1941). O escuadrón dos matarifes estaba dirixido polo garda civil, Manuel González Pena, e conformado por varios falangistas, verdugos todos eles de José Rodríguez, Manuel Abale, Francisco Lijó, Manuel Barbosa, Felicísimo Pérez, Modesto Fernández, Xeneroso Valverde, Alejandro Gonda e Fidel Leyenda. Os nove estaban detidos no frontón da rúa María Berdiales de Vigo, posteriormente foron trasladados a Baiona, onde son torturados e finalmente asasinados.
As leiteiras foron, unha vez máis, as descubridoras dos corpos ao amencer e as transmisoras da noticia do crime entre os veciños ao día seguinte. A partir de entón este espazo pasa a ser coñecido como A Volta dos Nove, un recoñecido espazo de memoria desde o ano 2005, no que durante a Ditadura empezaran a aparecer nove cruces debuxadas na terra cada noite, que despois se converteron en inscricións en pedra da cor do sangue e aos poucos foron collendo unha determinada entidade simbólica, coma se dun logo se tratase. Así o recolle o documental sobre o sucedido e a inscrición nun dos monumentos construídos alí mesmo en memoria dos asasinados.
Na imaxe podemos apreciar como un dos fillos de Generoso Valverde, sinala no lugar onde mataron o seu pai e a oito persoas máis, as nove cruces. A intención da fotografía, tomada ao redor dos anos cincuenta, é retratarlle á súa nai, emigrada en América, o que ela pensaba que era un mito.
LFP/CLS