O Exilio
Creator: Foto-Cina E. González
Source:
Consello da Cultura Galega, Arquivo da Emigración Galega, fondo Abraira, ca. 1954
Date Created: 1954
Type: Photograph
Extent: 1 item
-34.61612, -58.43562
O exilio galego enmarcado no contexto do Golpe de Estado de xullo de 1936 atende as dinámicas e especificidades propias dun territorio caracterizado por unha ampla experiencia vital de mobilidade xeográfica que se viu materializada na importancia das colectividades organizadas de emigrantes en América, polo que a tendencia a permanecer en Europa será menor que a que se advirte no resto do Estado español.
O perfil que presentaban os propios exiliados galegos propiciou un maior número de estudos relacionados coas persoas que partiron cara territorios americanos, xa que formarían parte do coñecido como “exilio intelectual” e por ser os territorio centrais do nacionalismo galego no exilio, acollendo a figuras como foron Castelao, Luis Seoane, Lois Tobío ou Florencio Delgado Gurriarán.
Na imaxe observamos precisamente ao lucense Francisco Fernández del Riego coa súa muller Evelina Hervella na súa primeira viaxe a Bos Aires en 1954, unha das figuras máis destacadas da Galiza do s. XX por ser un dos impulsores da editorial Galaxia (1950) e director, xunto con Ramón Piñeiro da revista Grial, membro do grupo Nós, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. No centro podemos ver a Virxinia Pereira (viúva de Castelao), aos tamén exiliados Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos, este último fundador do Consello de Galiza en Montevideo cuxa presidencia ocuparía Castelao ata 1950, momento no que o cargo pasaría a Alonso Ríos. Tamén contamos coa presenza de Manuel Puente, un dos creadores da Cámara de Comerciantes Republicanos españois, comprometida co apoio á República española e de María Elvira Fernández López, coñecida como Maruxa Seoane por estar casada co coruñés Luis Seoane, participante na maioría das principais iniciativas da cultura galega no exilio como foron o Laboratorio de Formas, a editorial Citania, o programa radiofónico “Galicia Emigrante” ou Sargadelos.
Tanto a cultura como a política galega do século XX está protagonizada por estas figuras do exilio, facéndose a súa memoria máis incómoda no ámbito político que no cultural pola dificultade de integrar ao exilio no relato da Transición, momento ata o cal moitos deles non puideron retornar.
AGF