A figura dos “fuxidos”
Creator: Freixanes, Víctor F.
Date Created: 2019
Extent: 1 item
42.23766, -8.72472
Así como o escritor lucense Carlos González Reigosa recuperou na súa obra “Fuxidos de sona” as traxectorias vitais de varias figuras da guerrilla galega como foron os alcumados como “Foucellas” ou “Gardarríos” en 1989, o escritor pontevedrés Victor Fernández Freixanes xa reconstruíra en 1980 na súa obra “Memorias dun fuxido (1936), O Fresco” o periplo vital do galego Manuel González Fresco, líder do grupo de fuxidos que actuaban na cadea montañosa que vai dende Vigo a Ponteareas tras a Guerra civil.
Resulta fundamental ter en conta as características específicas que adquiriu o golpe de Estado de xullo de 1936 en Galiza e a guerra posteriormente, propiciadas tanto polas características xeográficas do territorio como polas redes micro-sociais con Portugal dende tempo atrás. O país veciño do sur, xunto co mar, foron as principais vías de saída cara terreo republicano e posteriormente cara territorios franceses principalmente, aínda que un primeiro paso, na maioría dos casos, pasaba pola fuxida e o agocho no interior das fronteiras galegas.
As fuxidas pola costa, a maioría nos dous primeiros anos da guerra, tiveron o seu marco espacial ao redor do arco marítimo Ferrol-A Coruña e nas Rías Baixas. A maioría dos que optaron por fuxir fixérono porque tomaron conciencia do destino que lles podería agardar, con significación na esfera pública no plano político e social, condición que os leva a opoñer resistencia ao golpe militar.
Entre os detonantes das fuxidas, xogou un papel fundamental o recrutamento militar obrigatorio ao exército sublevado, sendo a consecuencia de non presentarse a filas a consideración de prófugos. A maioría eran procedentes do medio rural, atendendo a propia composición da poboación galega daquel momento, medio no que tamén atoparon refuxio moitos deles. Dentro do grupo dos considerados prófugos temos que acoutar aos que non se presentan por estar alistados na mariña e aos que ante o Golpe decidiron esconderse por temor ás represalias e ao feito en si de ir á fronte como mecanismo de supervivencia.
Os lugares máis habituais de agocho eran os montes ou os domicilio particulares. Dende o ano 1938 contamos coa presenza na zona de Casaio-Carballeda de Valdeorras de asentamentos estables. Gran importancia neste contexto teñen as redes de axuda aos fuxidos, as cales tiñan unha base máis aló da política ou a militancia, estando integradas maioritariamente por mulleres que os protexían exercendo de enlaces entre os grupos agochados nas zonas rurais.
Dende o propio verán de 1936 xorde a figura da “toupa”, persoas que se agochan en domicilios particulares durante longos períodos de tempo, vivindo en sotos, faiados ou habitacións ocultas.
Estas vías de fuxida levaron a moitos ao exilio en terceiros países como Francia, os territorios franceses do Norte de África ou América (importancia das redes tecidas entre Galiza e este territorio). A presenza de galegos nos campos de concentración da Alemaña Nazi ven determinada fundamentalmente por este periplo vital.
AGF