A Falange
Source:
Terra e Memoria, fondo Nomes e Voces-Histagra (Quiñoy Pandelo), nº 5042 0011 0001
Date Created: 1936, 1939
Type: Photograph
Extent: 1 item
A Falange Española das JONS, saída do coadxuvar entre as Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, de Ramiro Ledesma Ramos, e a propia Falange, de José Antonio Primo de Rivera, supuxo a expresión máis evidente do fascismo español en Galicia.
Porén, a implantación previa ó golpe do 10 de xullo de 1936 foi, para decepción dos seus líderes e cadros que a integraban, escasa, ou, en determinadas zonas, incluso inexistente. A súa retórica inflamada, parafernalia histriónica e prácticas escuadristas estiveron lonxe de seducir e captar os apoios necesarios cos que acadar o estatus de partido de masas ó que os “camisas viejas” aspiraban.
Cunha presenza mínima no rural dun escenario eminentemente agrario, as súas principais células restrinxíanse ás cidades e vilas, pero, en ningún caso, estaban integradas estas por unha maioría proletaria, senón por un conglomerado no que compartían militancia dende intelectuais e universitarios afiliados ó SEU ata profesionais da medicina, pasando por avogados ou outros perfís.
É precisamente o golpe de Estado o que realmente outorga un papel transcendental a Falange. Se ben as eleccións de febreiro do 1936 terían suposto un incremento da súa presenza na sociedade civil e un engrosamento nas súas filas, é o seu apoio ós militares insurrectos o que realmente confire a Falange un rol fundamental en Galicia. Rol, por outra parte, que, na Galicia de retagarda, disputa con outras formacións reaccionarias ou conservadoras adheridas ó alzamento, fundamentalmente as Juventudes de Acción Popular e os Requetés. O decreto de unificación de abril do 1937 agrupará as devanditas formacións, que terían aceptado unirse ó golpismo contra o incipiente réxime democrático español, no partido único Falange Tradicionalista de las JONS.
O seu papel non se limitou á incorporación de parte dos seus cadros ás filas do exército sublevado. Toda a maquinaria do partido, encadradas nas distintas seccións que o compoñían, foi mobilizada para a consecución dos obxectivos golpistas na zona de retagarda. Ditos obxectivos foron numerosos, destacando os que pasaron pola represión feroz e eliminación física do adversario político, a propaganda a ultranza a favor do “Glorioso Movemento Nacional”, o apoio loxístico en materia de recadacións baixo o eufemismo de “Suscripciones Patróticas”, ou o seu aporte á consecución da institucionalización do Novo Estado.
GUPC/MCV