Os procesos militares
Source:
Archivo Intermedio Militar del Noroeste (Patrimonio Cultural de Defensa-Archivos, Bibliotecas, Museos
Extent: 1 item
43.48469, -8.23316
A función da xustiza militar na planificación e execución do Golpe tivo moito que ver coa busca da participación social no proceso de identificación e castigo do “inimigo”. Neste caso, a acusación baixo a etiqueta “rebelde” permitiulles reconverter, mediante un proceso denigrante, o que antes era autoridade, despois sería “rebelde”. Os xuízos foron tamén un recurso fundamental para promover unha heteroxénea participación social e tiveron a capacidade de modelar e alterar a nova realidade que xorde coa execución do Golpe. A voz dos auditores e fiscais orquestraron ditos procedementos, baixo a tutela e dirección dos xefes das Divisións Militares que controlaron todo o desenvolvemento da xustiza militar.
A temporalidade e as características deste tipo de procedementos dan boa conta do papel da xurisdición castrense na lóxica violenta do Golpe. A gran maioría dos procesados fórono baixo acusacións por delito de rebelión. A instrución dos xuízos comezou de forma paralela ao desenvolvemento do Golpe e o seu ritmo descendeu conforme avanzou a guerra e se consolidaron as retagardas. En Galicia, as execucións tras as penas de morte, aglutinaron un terzo do total dos asasinatos, entre 1936 e 1939. Non foron as condenas mais numerosas, en termos cuantitativos, pero si as mais inmediatas, froito de sumarios que se desenvolveron dun xeito áxil, dinámico, cun gran volume de dilixencias, con elevados niveis de participación social e mediante acusacións de carácter colectivo.
Os golpistas concibiron os xuízos como eventos públicos aos que buscaron dar gran visibilidade. Para lograr este obxectivo, sacaron os consellos de guerra dos cuarteis para ocupar importantes sedes do poder civil ou da xustiza ordinaria, como o Palacio de Xustiza da Coruña ou o Palacio da Deputación de Pontevedra. Foron moitísimos os procedementos incoados, chegando a celebrarse varios consellos de guerra nun día en diferentes prazas militares. Trátase dunha documentación rica, que recolle información moi heteroxénea e completa e que temos á nosa disposición como cidadáns nas diferentes instalacións militares que asumiron esta competencia: o Tribunal Militar Territorial IV con sede na Coruña e depositados e custodiados polo Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, en Ferrol. Actualmente ocupan, xunto co resto dos fondos, gran parte dos 13 depósitos que albergan 7.600 metros lineais de documentación e 57.000 unidades de instalación.
CLS